O Camiño de Santiago en Paradela

 

Camiño de SantiagoA historia e a paisaxe de Paradela, nome que algúns apuntan como de “Parada”, lugar de relevo de cabalerías, está intimamente entrelazada coa vida que durante máis de dez séculos leva circulando polo Camiño de Santiago. Os seus lugares aparecen nos vellos códices e relatos que describen o paso dos peregrinos.

Na viaxe cara a Santiago de Compostela, o camiñante entra no Concello de Paradela atravesando fragas e contemplando numerosas e variadas árbores.

FerreirosEn Ferreiros, ó pé dunha carballeira está o albergue municipal, equipado con 22 prazas. Xa no itinerario de Manier se falaba da importancia do lugar de Ferreiros,  como fábrica de armaduras e diversos utensilios para abastecemento dos peregrinos. Atopamos próximo ó albergue a Casa Cruceiro, bar-restaurante onde o camiñante poderá repoñer forzas.

A 300 mts aproximadamente de Ferreiros está Mirallos, nome que algúns fan vir de “bella vista”.

Santa María de FerreirosNa parte máis chá de Mirallos, unha xoia do románico agarda ó viaxeiro: Sta. María de Ferreiros. Unha igrexa sinxela cunha portada románica excepcional. 

Esta xoia románica foi antigo hospital onde os peregrinos recibiron coidados, atencións e apoio. Aquí podían contar as súas experiencias sobre o Camiño, algunhas serían historias divertidas, inquedantes ou se cadra misteriosas. Tamén podían descansar ou repoñerse os que estivesen enfermos, é coma unha avoa que acolle ós seus netos os peregrinos.

Os debuxos dos tres arcos da portada asemellan un taboleiro de xadrez e os capiteis (peza na  que rematan as columnas) vemos cabezas humanas, monstros e adornos vexetais e no centro dous arcos que...  lémbranos o lóbulo das orellas?

Ó lado da igrexa está o restaurante O Mirallos-Manuel, con comida tradicional.

Continuado a ruta chegamos á parroquia de Francos. Aquí, dise, existiu un monumento sepulcral, pero non se coñece a quen estivo destinado nin quen o mandou construír. Xa en 1120 se mencionaba este monumento, que se supón pertenceu a un importante viaxeiro, do que se soterraron os restos no lugar no que lle chegou a morte.

RozasSeguindo o camiño, atravesamos o lugar de Rozas. A ruta continúa  na parroquia da Laxe, atravesando os lugares de Moimentos e Cotarelo. No lugar de Mercadoiro, atopamos o Albergue Mercadoiro, onde o camiñante poderá repousar. 

Se nos desviamos uns metros do camiño, poderemos visitar a Igrexa de Santiago da Laxe. 

O último tramo da ruta, o peregrino disfrutará dun descenso polo declive que forma a cunca do Miño, que serve como división natural do Concello de Paradela co de Portomarín. Mentres, contemplará lugares como Moutrás,  A Parrocha e Vilachá.

Desde o lugar de Vilachá, se nos desviamos un tramo, poderemos visitar a Igrexa de Sta. María de Loio. Este lugar foi na súa orixe o Mosteiro de Ribaloio, fudado no século VIII. Ten gran importancia na historia do Camiño Francés a Santiago porque nel nace a Orde Militar dos Cabaleiros a Santiago a comezos do século XII, que tiñan como encomenda a protección dos peregrinos.         

Camiño de SantiagoNesta zona da ribeira do río Loio, está documentada a existencia de varios mosteiros na idade media. Na parroquia de San Salvador de Cortes, ademais do de Sta. María, xa citado, estaba o Mosteiro de San Salvador e Santa Cruz do Loio. Deste último  consérvanse algúns restos. Na parroquia de San Xoán de Loio (case toda anegada polo encoro de Belesar) houbo outro mosteiro, chamado San Xoán de Loio.

 Ten o percorrido do Camiño de Santiago por terras de Paradela, 7.300 metros.

 

O Camiño Francés

Lugares

Distancias

 

Camiño de SantiagoVÍA PARALELA

Existe outra ruta, que é unha opción escollida por numerosos peregrinos, fundamentalmente aqueles que realizan o Camiño de Santiago en bicicleta. Neste tramo, o visitante poderá coñecer lugares interesantes:

 

O Castro de Barán

Este castro ten moita relevancia pola importancia dos restos aparecidos nas distintas intervencións arqueolóxicas realizadas e que se atopan custodiados no museo provincial de Lugo. A primeira persoa que realiza un estudo sobre o mesmo foi  D. Manuel Vázquez Seijas, que no ano 1933 publica un artigo titulado “O Castro de Barán”.

 

A igrexa e o cruceiro de San Miguel de Paradela

Nas inmediacións desta igrexa románica, do século XI ou principios do XII, está situado un cruceiro  con escenas da paixón. Este é un dos máis orixinais de Galicia polo feito de ter modelado o fuste.

 

RECOMENDACIÓNS PARA FACER O CAMIÑO

Antes de iniciar o Camiño revise o seu estado de saúde porque vai facer etapas concatenadas de decenas de quilómetros, pero o importante é chegar e non lesionarse, sería recomendable facer exercicios de adestramento de menor a maior intensidade polo menos con seis semanas de antelación se non está afeito facer andainas. O Camiño non é unha competición, tómeo con calma, vostede decide que distancia camiña e canto tempo: poida que necesite máis días dos que pensaba, aproveite para compartir experiencias con outros peregrinos ou cos habitantes das localidades que visite, terá ocasión mesmo para facer turismo.

A mochila non debe superar o 10% do seu peso e é imprescindibe levar crema solar, funda para almofada, móbil e cargador xa que terá que consultar apps do Camiño de Santiago, algo de comida enerxética e sólida, auga, pasta e cepillo de dentes, polo menos tres xogos de roupa interior e calcetíns sen costuras, lanterna e credencial de peregrino que lle pedirán nos albergues públicos e en moitos privados, D.N.I, cartón sanitario e bancario.

A roupa elixirase dependendo da época do ano en que camiñe pero sempre será transpirable, de fácil secado e levaremos algún impermeable lixeiro tanto no inverno como no verán. O calzado cómodo e que suxeite o nocello, cun uso de polo menos dous meses igual que a roupa.

Se quere obter a compostela debe amosar a súa credencial ao chegar a Santiago selada polo menos dúas veces ao día en localidades distintas, por exemplo na metade da etapa do día e onde durma, nos últimos 100 quilómetros se fai o camiño a pé e 200 quilómetros se o fai en bicicleta ou a cabalo.

No Camiño Francés o quilómetro 100 está aquí en Paradela, por iso é punto de partida de moitos peregrinos.