Ruta de Aldosende
Desde tempos primitivos os homes fixeron camiño ao andar, de tal forma que, en sentido amplo, poderíase afirmar que os camiños son case tan antigos coma o home mesmo. A medida que este foi evolucionando, foinos perfeccionando para que viandantes, acémelas e carruaxes puideran desempeñar as súas funcións con máis eficacia e comodidade. Pasado o tempo, moitas daquelas infraestruturas serviron de base para deseñar as nosas modernas estradas.
Desde o lugar de Aldosende (parroquia de Santiago de Aldosende-Paradela) ideouse un antigo camiño, case todo el de a pé que, partindo da citada aldea e baixando por precipitados acantilados, confluía na desembocadura do río Trapa co río Miño. Desde este punto o camiño continuaba pegado á marxe esquerda do río Miño en dirección á casa de Abelaira do Priorado, o Lombao, San Facundo, Adega dos Penedos, Santa Marta, Cabo de Vila, Seoane de Loio, Outeiro de Loio, Fonte de Agra e Portomarín.
Os monxes benedictinos e cistercienses de San Facundo de Ribas de Miño frecuentaron esta ruta porque lles permitía gozar dunha paisaxe paradisíaca, axeitada para a meditación; controlar o estado das súas pesqueiras de anguías sitas no río Miño; acondicionar bodegas e viñas e trasladarse á vila de Portomarín para vender e mercar produtos de primeira necesidade.
Cando no ano 1963 o encoro de Belesar anega aquel antigo camiño, FENOSA pretende deixalo no esquecemento, pero os nativos dos lugares reivindicárono, sobre todo os veciños de Aldosende. Esta circunstancia obriga á compañía a construír, en substitución do antigo, un novo camiño arredor do citado encoro. Grazas a esa acertada iniciativa podemos gozar hoxe dun panorama de singular beleza desde Portomarín a Aldosende.